RIBEIRA> O Hospital do Barbanza contará a partir do ano que vén cunha ambulancia medicalizada. A Consellería de Sanidade destinará unha partida de 460 mil euros para poñer en marcha este servizo. O Conselleiro de Sanidade anunciou tamén a creación dun hospital de día oncohematolóxico que podería estar operativo en 2027.
O Conselleiro de Sanidade informou da futura construción dun hospital de día oncohematolóxico no Barbanza, evitando que os pacientes de cancro teñan que desprazarse ata a súa unidade de referencia en Santiago. Os orzamentos autonómicos reservan unha partida de cen mil euros para a redacción do proxecto e millón e medio para a súa execución.
O Conselleiro de Sanidade realizou este anuncio na visita realizada esta mañá ó centro sanitario. Acompañado polo xerente da área sanitaria de Santiago-Barbanza, Ángel Facio, mantivo un encontro co director do distrito, Hugo Pérez, e outros responsables sanitarios para analizar outras actuacións previstas. Entre elas, a mellora da eficiencia enerxética do hospital a través da renovación das envolventes do edificio, obra orzamentada nun millóns de euros ou a posta en marcha dun servizo de ambulancia medicalizada na comarca do Barbanza cun investimento de 460 mil euros.
En canto ós equipamentos, Gómez Caamaño destacou a adquisición dun novo mamógrafo cun investimento de 326 mil euros que se sumará ós ecógrafos da nova sala de radioloxía dixital.
Na súa visita ó Barbanza, o Conselleiro aludiu tamén ás medidas de reforzo na atención primaria encamiñadas á adxudicación de prazas de difícil cobertura. Tamén nalaizarán a necesidade de ampliar espazos no centro de saúde de Ribeira nunha próxima reunión coa alcaldesa.











