Os concellos do Barbanza blíndanse contra o coronavirus

RIBEIRA> Os concellos do Barbanza blíndanse contra o coronavirus. Todos decretaron unha serie de medidas de restrición como o peche de instalacións culturais e deportivas ou limitacións nos servizos municipais de atención ó público.

A primeira hora da mañá, os xefes de área do concello de Ribeira mantiñan unha reunión urxente para acordar as medidas a adoptar fronte ó coronavirus. As principais son o peche das instalacións culturais, deportivas e sociais así como a suspensión de tódalas actividades previstas nos próximos quince días. Limítase tamén o horario de atención ó publico, priorizando as consultas telemáticas.

Acordouse tamén o peche do mercado dos sábados aínda que se permitirá a instalación de postos de alimentación para reducir a afluencia nos supermercados. Anúlanse os procesos de oposición que estaban a desenvolverse no concello a excepción da de auxiliares de policía local, co fin de reforzar o servizo canto antes.

Tomaranse tamén medidas extraordinarias para garantir a seguridade no servizo de atención a domicilio das persoas maiores, como grupo especialmente vulnerable.

Son medidas practicamente iguais ás que tomaron o resto dos concellos limitando tamén o aforo en instalacións públicas así como en locais hostaleiros. Procedeuse tamén ó precintado dos parques infantís para evitar a aglomeración de nenos. Dende os concellos fan tamén un chamamento á colaboración e á responsabilidade cidadá, procurando saír o menos posible e adoptando as medidas de protección e hixiene recomendadas polas autoridades.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí