PONTEVEDRA> Por primeira vez, Sito Miñanco sentou esta mañá na bancada da Audiencia Provincial de Pontevedra. O histórico narcotraficante cambadés estaba citado para responder por un presunto delicto de branqueo de capitais. Xunto a el, tamén están acusados unha das súas fillas, a súa exmuller e a súa irmá, e un presunto testaferro de Miñanco. Tras rematar esta primeira sesión do xuízo, o avogado do capo arousán acusou ao tribunal de non ser imparcial.
Sito Miñanco sentou ante o tribunal para responder por un presunto delicto de branqueo de capitais, acompañado dunha das súas fillas, a súa exmuller e a súa irmá, e un presunto testaferro. Os abogados reclamaron a nulidade do procedemento por catro motivos: a prescripción dos feitos, que se trata dunha causa prospectiva e creada polo fiscal para sentar a Miñanco na bancada, a presunta falta de imparcialidade do tribunal e a existencia dunha cuestión de competencias mal resolta.
Sobre a imparcialidade do tribunal, os letrados defenderon que no 2011 a Audiencia Provincial xa revisara o procedemento para decidir a cuestión de competencias para decidir que xulgado, se o de Vilagarcía ou o de Cambados, deberían seguir co xuízo. Nesta resolución interviron dous maxistrados que agora forman parte do tribunal. Por iso hoxe pediron a súa abstención. Tras deliberar preto de hora e media, o tribunal descartou os motivos presentados.
Pero o descontento do avogado de Miñanco non rematou aí. Gonzalo Boye considera que se está a vulnerar o dereito de defensa do capo cambadés, e criticou que a pesares da folga de funcionarios se leve adiante un xuízo que non considera preferente.
Boye tamén se amosou moi crítico co papel da Fiscalía, representada polo fiscal Jesús Cales. O letrado de Sito Miñanco considera machistas as acusacións contra a exesposa do histórico narcotraficante.
Está previsto que o xuízo se retome o xoves coas declaracións dos cinco acusados.