O Salnés copa os premios da Cata-Concurso da Festa do Albariño de Cambados

CAMBADOS> O Salnés arrasou na trixésimo sétima edición da cata concurso da Festa do Albariño de Cambados. Tres adegas desta subzona de Rías Baixas coparon o podio. Foron Mar de Ons, de Bodegas Aguiuncho, de Vilalonga; Bodegas Pazo Cilleiro de Meis e Lagar da Costa, de Castrelo, que se fixo co bronce. Foron os tres viños escollidos polo panel de expertos entre os 52 que se presentaron nesta edición.

Un albariño elaborado en Vilalonga, no concello de Sanxenxo, é o mellor da anada 2014. Mar de Ons, de Bodegas Aguiuncho, foi o que conquistou este ano ao panel de expertos da Casta Concurso da Festa do Albariño de Cambados.

A comarca do Salnés fíxose co podio. Se unha adega de Sanxenxo gañou o ouro, a prata e o bronce quedaron en Meis e en Cambados, respectivamente. Foron para Bodegas Pazo Cilleiro e Lagar de Costa.

Ademais de ser todas da comarca do Salnés, as gañadoras teñen en común que son pequenas adegas. Por iso o premio supón unha oportunidade interesante para promocionar aínda máis as súas marcas.

A entrega de premios foi o último acto do xantar do Albariño e, polo tanto, da propia festa. Un evento que segue a bater récords de asistencia e que volveu deixar bo sabor de boca entre os organizadores.

Na carpa instalada en Torrado reuníronse máis de medio milleiro de persoas. Ante elas recolleu tamén a súa Folla de Ouro o pregoeiro deste ano, José Manuel Domínguez, máis coñecido como Domin.