RIBEIRA> Anxo Rodríguez, xerente do cámping Ría de Arousa, gañou a concesión para a explotación turística de Faro de Corrubedo. O ambicioso e innovador proxecto do seu equipo permitirá a posta en valor desta emblemática construción que se dotará dun hotel e un restaurante. A Autoridade Portuaria de Vilagarcía resolvía este martes o concurso para o aproveitamento turístico do Faro de Corrubedo. A proposta presentada por Anxo Rodríguez e o seu equipo resultou finalmente a gañadora dos dous proxectos presentados. Trátase dunha actuación moi ambiciosa que busca a posta en valor desta emblemática edificación e a súa contorna preservando a súa esencia. Habilitarase un hotel con once habitacións e un restaurante que apostará pola calidade baseada na materia prima tradicional, co mellor da nosa terra e do noso mar. Construiranse sendas peonís de madeira entre os distintos inmobles utilizando os materiais máis acordes co medio natural. A concesión terá vixencia por vinte e cinco anos. Unha vez concluído o proceso administrativo para a autorización das obras, nun prazo de tres ou catro meses, poderán dar comezo os traballos de rehabilitación que precisarán dun investimento aproximado dun millón de euros. A previsión e que o novo establecemento turístico poidan estar en marcha a principios de 2019.
Inicio BARBANZA