O Edificio de Santa Clara centrarase na perspectiva de xénero

Pontevedra> O concello de Pontevedra presentou esta mañá o proxecto no que está traballando para a transformación do edificio municipal de Santa Clara, co fin de convertelo nun centro de Información á muller. Unha iniciativa que se irá activando ao longo deste ano e que contará cunha mellora exterior e interior do edificio. Un total de 130 mil euros dos Fondos FEDER irán destinados a esta iniciativa.

O Concello de Pontevedra traballa na transformación do edificio municipal de Santa Clara para convertelo nun centro que xire ao redor da igualdade e da perspectiva de xénero. Xa está instalado o Centro de Información á Muller (CIM) dende hai un par de meses, e complementarase no prazo dun mes co proxecto Redeira, que estará financiado cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional, e que se implementará a través da economía colaborativa. As concelleiras de Igualdade, Carmen Fouces, e de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, presentaron esta mañá o proxecto que se irá activando ao longo do 2018.

A primeira actuación farase con cargo aos fondos municipais e consistirá no cambio da porta exterior do edificio, do cambio da porta do ascensor, a limpeza de toda a fachada e a reparación dun canalón da cuberta que está metendo humidade no interior. Este investimento será duns 30.000 euros e poderá iniciarse nunhas dúas semanas. Con cargo aos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional existe unha contía de 130.000 euros para implementar o Plan de igualdade dándolle un enfoque de xénero a través da incorporación sociolaboral. A Redeira, como se chama o proxecto, pretende aproveitar o equipamento público para a economía colaborativa con perspectiva de xénero.

Anabel Gulías adiantou que as obras de reforma interior do edificio faranse ao longo deste ano, pero quería iniciar o proxecto canto antes, polo que no prazo dun mes poderá estar en marcha o banco colaborativo de horas.