Unhas 21 empresas optan a facerse coa obra de reordenación do Malecón

RIBEIRA> A actuación, na que se inclúe tamén a pavimentación da zona infantil do parque García Bayón, ascende a preto do millón de euros.

Rematado o prazo de presentación de ofertas para a realización das obras de reordenación da avenida do Malecón foron un total de 21 empresas as que mostraron o seu interese en facerse con esta actuación cun orzamento que ascende a case un millón de euros. O proxecto técnico elaborado polos propios servizos municipais ten como obxectivo fundamental darlle preferencia ó peón fronte ó vehículo, executando ademais un carril bici que una o xa existente no paseo do Touro co do paseo de Coroso dando así continuidade ó mesmo ó longo da fachada marítima do casco urbano. As obras contemplan a demolición da actual terminal de autobuses e o palco de pedra, o redeseño da rotonda existente nas inmediacións, creando un único carril por sentido de circulación en toda a avenida do Malecón. Tamén se procederá a reordenar o espazo de aparcamento existente no entorno do mercado municipal, situando aparcamentos en batería e unha ampla zona peonil. Por outra banda tamén se substituirá o actual pavimento da zona de xogos infantís do parque García Bayón, moi deteriorado, por caucho continuo. A actuación complementarase coa que tamén desenvolverá Portos de Galicia e que consistirá na remodelación da fachada marítima, neste caso na zona das Carolinas por valor de medio millón de euros. O prazo de execución das obras é de oito meses, polo que o Concello agarda a que unha vez adxudicada, a actuación poida estar rematada antes de finais de ano.