A ausencia do BNG permítelle a Nós Pobra sacar adiante unha segunda dedicación exclusiva

POBRA> As augas andan revoltas de novo polo Concello. O executivo de Nós Pobra e Partido Socialista convocou onte pola noite unha sesión plenaria con carácter extraordinario e urxente para aprobar a dedicación exclusiva dunha edil e tamén a designación do persoal de confianza. Para facelo aproveitaron que o BNG está temporalmente sen representación na corporación trala renuncia dos seus ata de agora dous concelleiros.

Este é o momento no que os edís do Partido Popular deciden abandonar o pleno. Fixérono despois de pedirlle ó alcalde que retirase da orde do día a aprobación dunha segunda dedicación exclusiva e tamén a proposta do persoal de confianza coa designación da persoa que ocuparía o posto de secretaria …algo que o rexedor non fixo, e decidiu seguir adiante coa sesión..

Para os populares este feito constitúe unha actuación anidemocrática, que vén a evidenciar ás claras as formas de entender a política por parte do executivo liderado por Nós Pobra.

Tamén se mostrou moi crítico co goberno o BNG. Para os nacionalistas a argucia empregada polo executivo de Nós Pobra, aproveitando a ausencia dos seus dous edís na sesión de onte, despois de formalizar a súa reununcia a acta e á espera de que os novos tomen posesión do seu cargo, responde a unha actitude indecente e caciquil, e moi pouco democrática.

Esta mañá o grupo de goberno quixo dar a coñecer tamén a súa versión sobre o acontecido.  Segundo eles e algo legal que responde a un interese público, co fin de dar o mellor servizo ós veciños, debido a forte carga de traballo no Concello.

Dende o goberno local tratouse de xustificar esta actuación en base ás propias necesidades do Concello e a enorme carga de traballo que deben soportar a diario, cunha única dedicación exclusiva, neste caso a do alcalde.

Aínda así dende o goberno e a pesar da situación creada, non descartan un posible pacto e retomar de novo as negociacións cos nacionalistas, polo ben do interese público.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí