PONTEVEDRA> O 8M resoou esta mañá no Pazo Provincial. Dende o vestíbulo da Deputación de Pontevedra reclamouse un mundo máis xusto e avanzar para conseguir a axenda da paridade. Este ano a lectura do manifesto foi coral, a cargo de varias traballadoras da administración provincial. O broche de ouro púxoo o espectáculo reivindicativo 4.0, co que a artista Sue Moreno puxo o foco na corresponsabilidade e as desigualdades con humor.
Priscila Retamozo, politóloga especializada en igualdade e coordinadora de Canteira de Igualdade, foi a autora do manifesto co que este ano a Deputación de Pontevedra conmemorou o Día Internacional da Muller.
A lectura do texto foi coral. Sete traballadoras da Deputación tomaron a palabra para facer súas as reivindicacións deste 8M. Como, por exemplo, denunciar a infrarrepresentación das mulleres nos espazos de toma de decisións.
Ademais de demandar unha resposta contundente contra a prostitución, este ano púxose o foco sobre a importancia de acadar a paridade en todos os eidos. Tamén nos que a presenza feminina é esmagadora, como o dos coidados.
Trala lectura do manifesto, o vestíbulo acolleu a actuación da artista Sue Moreno, ‘4.0’. Un espectáculo reivindicativo para, botando man do humor, falar da corresponsabilidade e das desigualdades, e das dificultades das mulleres para conciliar traballo e maternidade.











