PONTEVEDRA> Hoxe é o Día Internacional do Alzheimer e para conmemoralo a Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias de Pontevedra, Afapo, saíu á rúa para ofrecer información sobre a súa actividade. Reclaman máis colaboración por parte da sanidade pública para dar a coñecer o seu traballo e que se preste máis atención á figura do coidador. Tamén recordan que máis do 40% dos galegos maiores de 85 anos padecen Alzheimer.
A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Pontevedra saíu hoxe á rúa para volver recordarnos o seu lema: ‘Lémbrate do Alzheimer’.
Afapo instalou mesas para recoller doazóns e para ofrecer toda a información sobre as súas actividades co gallo do Día Internacional do Alzheimer. Unha xornada na que a asociación reclamou máis colaboración das administracións.
Poñen o acento na figura do coidador; coidadora no 80% dos casos. Aseguran que é preciso prestarlles máis atención no momento do diagnóstico para que saiban como afrontar a enfermidade.
Precisamente para dar a coñecer o seu traballo, Afapo cada vez está máis na rúa. Hoxe coas mesas informativas, pero tamén participaron nunha andaina a principios de mes e estarán nas primeiras Xornadas de Maiores organizadas polo concello de Pontevedra. Ademais, este venres celebrarán a súa cea benéfica cos humoristas Rober Bodegas, David Amor e Javi Veiga.