Prohíbese o acceso de camións a Sete Pías por Bouza de Padrón

CAMBADOS> Cambados prohibirá o acceso ao polígono de Sete Pías por Bouza de Padrón. A intención do goberno local é desviar os vehículos pesados dende a EP 9002 Fefiñáns-Oubiña á PO-300, de titularidade autonómica. Así as cousas, o edil de seguridade cidadá explicou que se contemplarán excepcións en situacións puntuais.

Os vehículos de máis de 3,5 toneladas non poderán acceder ao polígono de Sete Pías pola estrada provincial 9002 Fefiñáns-Oubiña, no treito de Bouza do Padrón. Coa intención de mellorar a seguridade viaria, os camións terán que desviarse pola PO-300.

Con este obxectivo, a Deputación de Pontevedra instalou a petición do concello dous sinais indicativos para prohibir o paso deste tipo de vehículos. Así as cousas, o goberno local contempla excepcións.

Trala toma desta medida, durante dous meses a Policía Local porá en marcha unha campaña para informar aos condutores destes cambios na ordenación do tráfico. Dende o goberno tamén trasladaron esta norma ás empresas do polígono.

Esta medida tamén contempla a instalación de redutores da velocidade na zona. Segundo explicou José Ramón Abal, o goberno local animouse a tomar esta medida despois da boa acollida que tivo a prohibición do paso de camións no entorno do colexio de Corvillón.