Cambados parará dúas horas polo 8M

CAMBADOS> Cambados conmemorará o Día Internacional da Muller. O concello prepara un programa de actividades, moitas delas integradas nas propostas postas en marcha dende o CIM da Mancomunidade do Salnés. O goberno local tamén explicou que se sumará aos paros convocados para o 8 de marzo.

O concello de Cambados prepárase para conmemorar o Día Internacional da Muller. O programa de actos comezará o luns 5 de marzo, con proxeccións no Auditorio da Xuventude dos vídeos “Grazas á ela eu podo”, sobre o papel relevante na historia de mulleres que obtiveron dereitos femininos. A seguinte cita será o mércores 7, cun novo almorzo de emprendedoras.

O xoves día 8 será o acto central da programación. Este ano, ademais da lectura do manifesto na praza do concello, o goberno cambadés sumarase aos paros convocados.

Unha master class o xoves pola tarde, a Gala das Mulleres o domingo 12, unha performance o luns 13 e unha charla o mércores 15, completan unha programación que se complementa coas actividades propostas pola Mancomunidade do Salnés.