PONTEVEDRA> Como distinguir un licor con Denominación de Orixe doutro sen etiqueta? Esta é unha das preguntas que os alumnos do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza xa saben responder con toda clase de argumentos.
Formar aos futuros prescriptores e profesionais da hostalería. Este é un dos obxectivos do Consello Regulador de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, que cada ano organiza charlas e catas en centros que imparte ensinanzas relacionadas co sector. Chegar a eles é fundamental para mudar os costumes do consumidor.
A enóloga e vocal do Consello, Sonia Otero, levou unha destas xornadas ao Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza. Nelas mesturan parte teórica e práctica, para que os alumnos poidan familiarizarse e catar os produtos amparados por este selo de calidade.
Para o centro, estas xornadas veñen reforzar o traballo que realizan durante todo o ano nas aulas. Non en van, a posta en valor dos produtos de calidade é unha constante na formación que imparten aos alumnos.
Ademais, a aposta por este tipo de produtos significa dar un paso máis na profesionalización do sector hostaleiro.
Así que os alumnos do Carlos Oroza xa teñen ben claro por que é importante servir, unicamente, produtos amparados por este selo de calidade.