Sanxenxo reduciu a súa débeda durante o ano 2017 en case un millón e medio de euros

SANXENXO> O Concello de Sanxenxo reduciu a súa débeda durante o ano 2017 en case un millón e medio de euros. O municipio ten un déficit nas súas contas que supera os 6.000.000 de euros.

Sanxenxo ten, a 31 de decembro de 2017, unha débeda de máis de 6.300.000 euros. Durante o último exercicio, o goberno local conseguiu reducila en case un millón e medio de euros.

Nun almorzo informativo, o edil de Facenda salientou o esforzo que, segundo apuntou, leva anos facendo o executivo sanxenxino para reduci-la débeda.

O concello tamén mellora outro indicador: o remanente de tesourería, que indica a liquidez da que dispón un municipio. Sanxenxo rematou 2017 cun remanente que supera os 2.400.000 euros. Guisasola aproveitou para salienta-la súa evolución. O concelleiro apunta que estes fondos permitirán levar a cabo novos proxectos.

O concelleiro tamén apuntou que non descarta posibles modificacións do Plan de Axuste que está en vigor no municipio dende o ano 2012, sempre e cando os ingresos e gastos se manteñan. Ademais, segundo avanzou, está previsto que antes deste verán se convoquen ata  unha ducia de prazas municipais, entre novas e vacantes pendentes.