Colectivos contrarios á mina de Touro pidenlle á Xunta que desvele informes sobre o impacto do proxecto

VILAGARCÍA> Os colectivos contrarios á mina do Pino-Touro presentan perante a Conselleira de Industria máis de 30 requirimentos para ter acceso ó rexistro mineiro e ós informes sobre os impactos ambientais derivados da actividade da antiga mina que agora pretenden reabrir. Segundo sospeitan, a Xunta está a ocultar información comprometida sobre este proxecto megamineiro e o seu impacto negativo sobre explotacións gandeiras e a actividade marítima e marisqueira da ría de Arousa.

Os colectivos contrarios á reapertura da mina do Pino-Touro queren que a Xunta faga pública a autorización na que se amosan os termos da explotación de cobre entre os anos 73 e 86, os requirimentos feitos para a restauración dos danos causados daquela no medio ambiente e por último os informes feitos polas autoridades nos que se detallan os danos derivados da actividade mineira. Para iso, presentaron ante a Consellería de Industria máis de 30 solicitudes.

Os colectivos reiteran que a reapertura desta mina supón un dano irreversible para o sector gandeiro no Pino e Touro e que é, ademais, unha condena a morte para o sector marítimo e marisqueiro da ría de Arousa. Nun encontro en Carril, os representantes da plataforma contraria á mina contaron co apoio de varias confrarías e colectivos arousás.

Dende a Plataforma Mina Touro – O Pino Non reiteran que a súa loita vai continuar e que defenderán a súa causa aínda que sexa a “pé de leira”, din, como na histórica revolta das Encrobas.