GALICIA> Portos de Galicia levou a súa oferta náutica a Palma de Maiorca. O ente participou no Congreso Náutico que se celebrou na illa, para abordar a importante relevancia que está a gañar o turismo náutico na nosa comunidade.
O turismo náutico avanza con paso firme en Galicia. A nosa comunidade gaña peso no sector, algo que se ve reflectido nas cifras: os portos galegos pasaron de recibir 4.000 embarcacións a máis de 9.000 nos últimos anos. Este balance positivo ten tamén efectos moi importantes na súa contorna. Non en van, calcúlase que cada noite que un barco pasa amarrado a porto xera ao redor de 200 euros na zona. Polo tanto, o turismo náutico xerou en Galicia preto de dous millóns de euros de ingresos durante o ano pasado.
Estes datos foron presentados en Palma de Maiorca polo presidente de Portos de Galicia. José Juan Durán representou ao ente autonómico no Congreso Náutico, poñendo sobre a mesa un balance récord para a comunidade autonóma. Aínda que o obxectivo é manter ou incluso superar estas cifras, Durán asegurou que son conscientes da importante competencia que se dá no sector. Por iso a intención é traballar para adaptar a oferta galega ás demandas actuais.
O presidente de Portos de Galicia aproveitou tamén para destacar o gran investimento realizado pola Xunta no acondicionamento dos portos deportivos e a colaboración cos clubs como dous piares deste avance no turismo náutico. Non en van, as dársenas galegas dispoñen na actualidade de máis de 15.000 amarres.
Agora, a fidelización do usuario náutico é unha das novas metas. Conseguir que os turistas atraquen nos diferentes portos deportivos de Galicia e que despois se acheguen a gozar do territorio e das posibilidades que ofrece.