O PP tomba no Parlamento tódalas enmendas á totalidade dos orzamentos

SANTIAGO> Tódolos grupos da oposición no Parlamento Galego presentaron esta mañá enmendas á totalidade dos orzamentos autonómicos para o 2014 e unha por unha foron rexeitadas pola maioría absoluta do Partido Popular. Segundo a conselleira de Facenda, as contas da Xunta para o vindeiro ano serán as que marquen a senda da recuperación económica. Para PSOE, Alternativa e BNG son uns presupostos ‘inxustos’, un ‘austericidio’ e da ‘esperanza cero’.

Mentres para a Xunta de Galicia os presupostos do 2014 marcarán a senda do crecemento e a prosperidade da autonomía, para PSdG, Alternativa Galega de Esquerdas e BNG non lograrán máis que sangrar os servizos públicos e pasar de longo ante calquera oportunidade de estimular a economía. Toda a oposición, cada grupo por separado, insistiu en botar abaixo as contas coa presentación de enmendas á totalidade para devolver o proxecto ó goberno. Non foi adiante ningunha. Os populares, facendo valer a súa maioría absoluta, impedírono alegando que con elas Galicia comezará a medrar e reducirá a taxa de paro ‘por primeira vez desde o inicio da crise’. Así o defendeu a conselleira de Facenda, Elena Muñoz. Insistiu a conselleira que os presupostos da Xunta para 2014 colocarán a Galicia á cabeza do cambio económico de España. Nada que ver cos argumentos esgrimidos desde a oposición. Méndez Romeu desde o PSdG cualificou as contas de ‘inxustas socialmente e ineficaces economicamente’, mentres que o voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras as presentou como un ‘austericidio’ do goberno galego, que o único que conseguirán será ‘chucharlle o sante’ ós cidadáns ó dar prioridade ó pago de débedas e intereses e non ó financiamento de servizos públicos. Na mesma liña se pronunciou Francisco Jorquera, do BNG, para quen estes son os orzamentos da ‘esperanza cero’. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/25/orzamentosxuntaenmendas.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/11novembro/25/PRESUPOSTOS_XUNTA_251113.mp4{/flowplayer}