Comezan as obras de reordenación do Malecón de Ribeira

    RIBEIRA> O inicio das obras nun dos dobres carrís de circulación no treito inicial do paseo do Malecón obrigou a desviar o tráfico, provocando algúns problemas de circulación. As molestias derivadas desta actuación, unidas á recente peonalización de varias rúas do casco urbano, provocaron o enfado de numerosos condutores ante a imposibilidade de acceder ó centro de Ribeira en coche sendo necesario o desvío por rúas alternativas que non están nas mellores condicións e supoñen unha volta importante para chegar ó destino. O obxectivo destas obras, acometidas pola empresa Canarga, cun importe de setecentos mil euros, é reordenar o tráfico habilitando tan só dous carrís, un por cada sentido, e ampliando as zonas peonís. Dotarase tamén dun carril bici e instalaranse prazas de aparcamento en batería na zona do mercado. As obras teñen un prazo de execución de cento sesenta e cinco días e executaranse por fases para tentar minimizar as molestias e non interrumpir o tráfico en toda a avenida. Aproveitando a obra, acometerase tamén a mellora do parque García Bayón, situado no último treito do Malecón, Procederase á substitución do pavimento da zona de xogos, moi deteriorado, por chan de caucho. Tamén está prevista a renovación da rede de pluviais naqueles treitos que sexa necesario.