Polémica pola talla ‘por error’ das tuias do entorno de O Pombal

CAMBADOS> Polémica talla de árbores na zona traseira da piscina de O Pombal, en Cambados. O obxectivo era eliminar os chopos que danan as pistas deportivas coas súas raíces, pero finalmente a empresa encargada cortou tamén as tuias que o goberno local ía manter nunha futura zona verde. Segundo o edil de Medio Ambiente, a talla debeuse a un erro da empresa; algo que xa lles valeu as críticas do Partido Popular.

Un erro eliminou todas as árbores da zona traseira da piscina de O Pombal. O concello de Cambados encargara a talla dos chopos do entorno, cuxas raíces provocaban danos nas pistas de tenis do complexo deportivo.

O concello solicitara os permisos necesarios a Costas para cortar estes chopos, pero finalmente a empresa encargada dos traballos tallou tamén unhas tuias que estaban na zona. Neste caso, a intención era mantelas.

A actuación non pasou desapercibida entre os veciños da zona, alarmados pola talla destas árbores. Pronto o Partido Popular se sumou ás críticas.

 

O voceiro popular cualificou a actuación de ‘desfeita’, e recordou outra intervención realizada polo cuatripartito. Desta vez, na zona de A Pastora.

Para os populares, este erro súmase a outros anteriores xa cometidos polo cuatripartito durante o seu goberno. Entre eles, o informe emitido a semana pasada polo asesor municipal do Concello que remataba decretando a nulidade da polémica convocatoria dunha praza de oficial da Policía Local de Cambados. Segundo Aragunde, un exemplo máis de falta de xestión.