Marcos Calveiro lévanos polos puntos máis emblemáticos da súa novela “O xardineiro dos ingleses”

VILAGARCÍA> Neste 23 de abril conmemórase o Día do Libro. En Vilagarcía aproveitaron a xornada para percorrer algúns dos puntos máis emblemáticos que se recollen na novela “O xardineiro dos ingleses”, de Marcos Calveiro. Un grupo duns 30 rapaces participaron nesta ruta narrativa coa que se pechan os actos da edición deste ano do Lectoriño.

“O xardineiro dos ingleses” arranca e pecha a súa trama aquí, neste cemiterio de Rubiáns. Conta a historia de Edelmiro, un home que quedou ó cargo do mantemento do cemiterio onde foron soterrados uns mariños británicos. É o tempo da “belle époque” de Vilagarcía. Os británicos viñan á vila e ateigaban as súas rúas con ganas de festa. Un século despois, esas mesmas rúas foron percorridas hoxe por un grupo de mozos do Castro Alobre e do Bouza Brey.

O antigo Salón Varietés, o Salón García ou a praza da Peixería son só algúns dos puntos nos que este grupo fixo parada esta mañá. Son algúns dos escenarios nos que se desenvolve a trama da novela de Marcos Calveiro que hoxe reproduciron nesta actividade, conducidos polo propio autor. Sen dúbida, unha aposta diferente para fomenta-lo hábito da lectura neste Día do Libro, que pon o punto e final ó Lectoriño deste ano.

Tralo éxito desta actividade, o Concello estuda xa en repeti-la experiencia, aberta xa ó público xeral.