Un mar de azulexos aprópiase dos muros do colexio de Corón

VILANOVA> O mar de Corón xa decora os muros do colexio de San Roque. Ao longo de toda a mañá, os alumnos do centro traballaron arreo para converter fragmentos de azulexos nun gran mosaico que recrea elementos mariños. Un xeito de dar unha segunda vida a unha simple parede gris.

O gris desaparece dos muros do colexio de Corón. Peixes das formas máis variadas, polbos e ata un faro decoran agora as paredes que limitan o centro, enchendo de cores o patio escolar.

O traballo parte dun guión, pero a partir del os rapaces desenvolven as súas propias creacións. Unha tarefa que pode parecer dura, pero que non deixou a ninguén indiferente.

Deste xeito, animaron a súa imaxinación pero tamén se potenciaron outros aspectos como o traballo en equipo. Os maiores do centro foron os encargados de titorizar os cursos inferiores. Outro ensino importante que lles deixou esta actividade.

Verdadeiras obras de arte saíron dos centos de mans, que aprenderon a reciclar e reutilizar, e viron como de restos de azulexos nacían novas composicións que, a partires de hoxe, darán cor durante moitos anos os muros do Colexio San Roque.

A iniciativa non para aquí. Xerardo conta que xa estiveron no Bouza Brey de Vilagarcía ou no Espiñeira de Boiro, e que nas vindeiras semanas pasarán pola Xunqueira, en Pontevedra.