A quen de Ribadumia lle tocarían os 320.000 euros da Euromillóns?

RIBADUMIA> A sorte sorrí a Ribadumia. O sorteo da Euromillóns deixa na localidade un segundo premio de 320.000 euros. O gañador de tan cobizado premio, polo de agora, mantense no anonimato. Esta non é a primeira vez na que a fortuna elixe a administración de lotaría de Barrantes: hai uns anos, o sorteo de Nadal deixou tres millóns de euros dun quinto premio.

O sorteo do Euromillóns decidiu facer parada en Ribadumia. Na administración de lotaría de Barrantes foi selado  un boleto premiado cun segundo premio, o único de España. O agraciado ou agraciada, que vai levar para a casa 320.000 euros, acertou 5 números máis unha estrela. Quedou a tan só unha estrela de leva-lo premio gordo, 138 millóns de euros, que foron parar ó Reino Unido.

O gañador ou gañadora xogou pouco máis de 12 euros. A súa identidade, de momento, todo un misterio. Esta administración de Barrantes colleu sona na comarca nos últimos anos pola cantidade de premios que reparte.

Se vostede non ten no seu poder o boleto premiado, non perdan a esperanza. Mañá o Euromillóns volve poñer en xogo moitos cartos que, dende logo, non lle virían mal a ninguén.