Xuventude convoca unha nova edición do programa ‘Crea 2014’

GALICIA> O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se convoca o programa ‘Xuventude Crea 2014’ que ten como obxectivo fundamental que os mozos e mozas poidan manifestar a súa inquedanza artística e cultural, ao mesmo tempo que se fomenta a creatividade xuvenil. A orde está dotada cun orzamento de preto de 100.000 euros. Nesta iniciativa poderán participar mozos e mozas galegos ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos cumpridos no ano 2014. O prazo de participación estará aberto ata o 30 de xuño e cada unha das especialidades contará con tres premios: o primeiro, de 3.000 euros; o segundo, de 1.500; e o terceiro, de 1.000 euros. A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, convoca as especialidades de teatro, artes plásticas, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, carteis, moda e deseño de xoias. Salvo no caso de teatro, música, banda deseñada e graffiti, a participación será sempre a título individual. Todas as obras terán que ser en galego, orixinais e inéditas. No eido musical poderán participar solistas e grupos de pop, folk, rock, hip-hop e demais variedades de música contemporánea. Admitirase que ata un 25% dos compoñentes do grupo supere os 30 anos, o mesmo que ocorre para teatro, e poderá superar a idade máxima a persoa que desenvolva a función de acompañamento musical cos participantes que se presenten como solistas. Na especialidade de relato breve, as obras deberán estar feitas a ordenador, cunha extensión mínima de 5 páxinas e máxima de 10, mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara, en DIN-A4, e en tamaño 12. As follas estarán numeradas e encadernadas e presentaranse en único exemplar. No que se refire á categoría de poesía, o tema e a técnica serán libres. As obras, que deberán estar feitas a ordenador, terán unha extensión mínima de 50 versos e máxima de 100, a dobre espazo e por unha soa cara, en DIN-A4 e en tamaño 12. As follas estarán numeradas e encadernadas e presentaranse en único exemplar. No apartado de videocreación, os participantes só poderán presentar obras que non teñan concedidas axudas económicas da Administración autonómica para a súa realización, no momento do remate do prazo de presentación de solicitudes. O tema será libre, máis deberá dar prioridade aos contidos artísticos e culturais dunha maneira innovadora e experimental. Enténdese por experimental a obra que se sitúa fora dos códigos convencionais, que aposta por fórmulas audiovisuais onde se dá prioridade á subxectividade. En canto á banda deseñada, de temática libre, a técnica pode ser calquera, feita en branco e negro ou en cor. O formato deberá ser en DIN A-4 ou DIN A-3 e a extensión mínima terá que ser de 10 páxinas. En caso de que a obra fose feita en formato dixital, á parte dunha versión impresa deberá xuntarse un CD ou DVD cos arquivos orixinais. Cada obra deberá levar pseudónimo e título. Pola súa banda, as obras de graffiti o tema e a técnica serán libres e os traballos poderán ser individuais ou en grupo, neste último caso poderán ter un máximo de 3 membros. Na categoría de cartel, a participación será a título individual. O tema do cartel será: ‘Conmemoración dos 800 anos de peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela’. A técnica será libre dentro dos límites usuais, para permitir unha normal reprodución fotomecánica. As obras deberán presentarse sobre cartón, cartón pluma ou similar, en formato vertical, cunhas medidas máximas de 47 × 64 cm e presentaranse suficientemente protexidas e montadas sobre un soporte ríxido e desmontable que permita a súa perfecta exposición. Para participar na categoría de deseño de xoias a colección estará composta por tres pezas. Xunto coa documentación o participantes presentarán unha fotografía de cada unha das tres xoias, que poderán ser tanto para home como para muller. Na categoría de moda os participantes presentarán unha colección coherente de 5 modelos de home ou muller. Terá que definir o tecido utilizado e os complementos para cada un dos modelos presentados. Presentaranse estes deseños en láminas de formato DIN A-3 (297 mm x 420 mm), con deseño de fronte e de costas. Así mesmo, haberá que engadir unha ficha técnica da colección e mostras dos tecidos que se empregarán na súa confección. Seguindo a liña da edición anterior, co obxectivo de axudar á mocidade na súa inserción laboral, o xurado estará composto por profesionais que ocupan postos de decisión en cada un dos sectores implicados no concurso, o que permitirá aos participantes poñer as súas creacións en contacto co mundo empresarial dun xeito directo