CAMBADOS> Cambados ten listas as contas para este 2018. O concello presentou un orzamento de 9,4 millóns de euros; case medio millón máis que no 2017. O proxecto é, ademais, o de maior contía dos últimos dez anos. Algo que segundo o edil de Facenda débese en gran medida á redución da débeda herdada. A intención é sometelos a aprobación no vindeiro pleno.
O orzamento de Cambados para este 2018 será o máis elevado dos últimos dez anos. O edil de Facenda presentou esta mañá as contas municipais, que acadan os 9,4 millóns de euros. Case medio millón máis que en 2017. Unha situación que se debe, en gran medida, á redución da débeda.
Segundo os cálculos do executivo, os investimentos superarán os 650 mil euros. A partida máis elevada son os máis de 200 mil que se destinarán á remodelación da praza de abastos. No apartado dos gastos, os correntes son os que máis recursos acaparan, con 4,2 millóns de euros. Destacan os 399 mil destinados á área de Servizos Sociais.
No eido dos impostos, o IBI será o que supoña máis ingresos ás arcas municipais: 1 millón 500 mil euros. O que supón 130 mil máis que no ano anterior.
O proxecto presentado recolle tamén un recoñecemento extraxudicial de crédito de medio millón de euros para o pago de facturas pendentes, que supón un 12% do orzamento para este ano.
A intención é levar os orzamentos ao vindeiro pleno para a súa aprobación.