Máis de 70 obras compoñen a edición deste ano do Saudarte

CAMBADOS> Bota a andar unha nova entrega do Saudarte, en Cambados. A Fundación Galega contra o Narcotráfico inaugurou hoxe a décimo quinta edición da súa exposición de arte. Nesta edición poderemos ver máis de 70 obras creadas por alumnos de diferentes centros educativos da zona.

Hai un ocio saudable, que enriquece ás persoas. Hai outro nocivo, prexudicial para a saúde e para a sociedade. A diferenza entre un e outro é o que quere transmiti-la fundación Galega contra o Narcotráfico a través de Saudarte, unha iniciativa artística na que preto de 60 mozos aprenden xeitos positivos de divertirse. Serven para facilita-lo desenvolvemento de competencias e habilidades persoas, afastando á xuventude do mundo das drogas.

Nesta decimo quinta edición participan preto de 60 mozos e mozas de ESO e Bacharelato de varios centros de Cambados e tamén de Vilagarcía. Ademais de pasa-lo ben coas artes plásticas os rapaces tamén foron tomando conciencia da ameaza da droga. O resultado: unha completa exposición na que demostran o seu talento a través de 72 obras, varias delas colectivas.

A mostra inaugurouse esta mañá nas instalacións da Mancomunidade do Salnés. No acto, tanto a alcaldesa, Fátima Abal, como o concelleiro de Cultura tendéronlle a man ós mozos para facilitarlles formas de ocio saudables. Saudarte poderá visitarse ata o vindeiro 27 de maio.