A oposición rexeita a cuestión de confianza presentada por Nós Pobra

POBRA> Ábrese agora un período dun mes para presentar unha candidatura alternativa e un presuposto. De non facelo, o orzamento do actual goberno municipal será aprobado de xeito automático ó rematar o prazo establecido por Lei. O goberno de Nós Pobra, en minoría, quedouse só na cuestión de confianza á que se someteu no pleno extraordinario celebrado onte pola noite para poder aprobar os orzamentos municipais para este ano 2018. O resto dos grupos con representación na corporación, ou ben votaron en contra, Partido Popular, ou ben abstivéronse, BNG e Partido Socialista, polo que as contas quedaron sen aprobar. Cabe lembrar que a medida foi tomada polo equipo de goberno a semana pasada ante a imposibilidade de sacar adiante o seu proxecto orzamentario. O principal grupo da oposición o Partido Popular, volveu incidir no pleno na escasa confianza que ofrece o actual executivo, de aí o seu voto negativo.Críticos tamén foron os voceiros do BNG e do Partido Socialista. Os dous acusaron ó equipo de goberno de provocar esta situación. Ábrese agora un período dun mes para presentar unha candidatura alternativa e un presuposto. De non presentarse, o orzamento do actual goberno municipal será aprobado de xeito automático ó rematar o prazo establecido por Lei fixado para o 4 de xuño.