Os traballadores do CHOP encérranse no Provincial en protesta polo peche de camas de cara ao verán

Pontevedra> Dentro das mobilizacións polo peche de camas de cara o verán, a Xunta de Persoal do CHOP convocou para o día de hoxe un encerro no Hall do Hospital Provincial. Quéixanse tanto do propio peche como pola falta de información por parte da xerencia. Trala reunión deste xoves decidirán se continúan con este tipo de protestas.

O encerro dos traballadores no Hospital Provincial é o segundo dos actos de protesta polo peche de camas propostos pola Xunta de Persoal do CHOP, despois das concentracións celebradas onte no mesmo centro e en Montecelo. Dende a entidade critican a falta de comunicación coa xerencia en relación con este tema.

Este xoves, como tódolos meses, a Xunta de Persoal reunirase coa xerencia do CHOP e presentará o peche de camas como primeiro punto de día. Segundo declarou a Presidenta da entidade, Emma Rodríguez, isto resulta insuficiente e insisten na necesidade dunha reunión urxente e específica.

Segundo o que pase na xuntanza do xoves, decidirán os pasos a seguir nas súas reivindicacións.