Unha vintena de novos vehículos incorpóranse ao servizo de recollida de residuos de Pontevedra

PONTEVEDRA> 23 novos vehículos incorporaranse hoxe mesmo á flota do servizo de residuos do concello de Pontevedra. A nova maquinaria está conformada por vehículos propulsados a gas e enerxía eléctrica. Só faltan outros sete para que o equipamento do novo contrato estea ao 100%.

O servizo de recollida de residuos de Pontevedra amplía a súa flota de vehículos. Hoxe mesmo comezarán a traballar os 23 novos que se incorporaron nesta xornada.

Todos son eléctricos ou funcionan con gas natural comprimido. Hainos con diferentes funcións e tamaños, dependendo da zona da cidade na que vaian traballar. Entre as novidades, destaca unha hidrolimpadora cun equipo de auga a presión para eliminar pintadas ou supervarredoras, que mesmo poden aspirar botellas cheas. Outra das novidades é a incorporación dunha furgoneta-taller, que servirá de apoio en caso de avarías de vehículos.

Aproveitando a presentación destes novos vehículos, dende o concello fixeron un chamamento á colaboración cidadá para que se sumen ao novo plan de reciclaxe.

Dende o mes de outubro do ano pasado, o concello presentou ao redor de medio cento de vehículos que se sumaron á flota da recollida de residuos. Despois dos expostos esta mañá, aínda restan por incorporar sete camións que xa están carrozados.