As obras no Gorgullón comezarán antes de finalizar setembro

Pontevedra> As obras na rúa do Gorgullón comezarán ante dun mes, despois de ter sido celebrada a mesa de contratación  pola que se adxudicaron á empresa EC Casas. Os traballos neste espazo, que pasará a ser de plataforma única, estenderanse durante oito meses, polo que deberían estar rematadas para a primavera.

Case todo listo para o comezo das obras na rúa do Gorgullón. Unha vez adxudicada a obra a empresa EC casas, só falta a firma do contrato e a presentación dos plans de seguridade e saúde e de tratamento de residuos por parte da adxudicataria.

A obra, financiada con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional, adxudicouse finalmente por 1.258.000 euros. A empresa asumirá as dúas melloras propostas polo Concello na convocatoria, que consistirán no entronque ca avenida da Estación e a redución do tramo de pavimento cuberto con formigón.

A rúa converterase nun espazo de estancia, pondo en valor o Camiño de Santiago ó seu paso por Pontevedra.

Preténdese tamén con esta transformación que a rúa deixe de ser a “parte de atrás” de Eduardo Pondal, devolvéndolle valor ó barrio.

Para acadar estes obxectivos, a rúa terá plataforma única, cunha solución de pavimento semellante á da Praza do Hospital. Así mesmo renovaranse os servizos, como o alumeado; establecerase un cambio no sentido de circulación para que o tránsito de vehículos sexa mínimo; e mellorarase a conexión peonil con Eduardo Pondal.