O concello de Marín calcula que o novo auditorio estará rematado no verán de 2025

MARÍN> A alcaldesa de Marín fai balance do que foi este 2024 para a xestión municipal. María Ramallo asegura que este foi un ano de poñer en marcha obras importantes para o municipio, como o arranxo das beirarrúas da avenida de Ourense ou a intervención en Concepción Arenal. Ramallo destacou tamén os avances na construción do auditorio. Segundo a rexedora, as novas instalacións poderían estar rematadas no verán de 2025.

A piques de rematar o 2024, a alcaldesa de Marín fai balance da xestión municipal. Para María Ramallo foi un ano tranquilo e de estabilidade no seo do goberno, que remata cos orzamentos para o 2025 aprobados. Destacou os investimentos realizados, como a ampliación das beirarrúas da avenida de Ourense ou a humanización da rúa Concepción Arenal.

Tamén se referiu Ramallo aos importantes avances rexistrados na obra do novo auditorio, que terá capacidade para 550 butacas. Actualmente están a analizarse a conexión eléctrica do edificio e a dotación de mobiliario. Os traballos avanzan, dixo a alcaldesa, segundo o previsto.

Na axenda do ano que vén están tamén a recuperación da dársena de Chalanas, que se dedicará a usos náutico-deportivos e o impulso do carril bici polo litoral. Ademais, Ramallo asegurou que seguirán a estudar as posibilidades para construír un parque soterrado no centro de Marín, en concreto na contorna do parque Eguren.

Tamén previsiblemente para o 2025 quedará a celebración do acto oficial de nomeamento da Princesa Leonor como filla predilecta de Marín. Non hai data fixada, aínda que podería celebrarse durante as Festas do Carme, no mes de xullo.