Novas tecnoloxías e zombies na oferta de Ponteverán para a mocidade

Pontevedra> Ponteverán ofrecerá á mocidade pontevedresa un programa lúdico-formativo de ocio alternativo. As actividades propostas baséanse en valores de convivencia, igualdade, respecto ó ambiente, promoción da actividade física e coñecemento do patrimonio cultural. Ponteverán fará fincapé nas novas tecnoloxías, e permitirá que a cidade sexa tomada polos zombies.

Se tes entre 18 e 35 anos, Pontevedra terá este verán moitas actividades dirixidas a ti. Caracterizaranse, segundo o concelleiro de xuventude, pola calidade, a cantidade e a diversidade.

Campamentos e estadías; actividades culturais, deportivas e no medio natural; actividades formativas, e actividades específicas no Local de música artellan a programación de PonteVerán, que este ano terá unha cita terrorífica: o 31 de xullo, Pontevedra  será “Terra de zombies”.

Entre as novidades deste ano, destacan varios obradoiros e cursos relacionados coas novas tecnoloxías. Robótica, holografía, realidade virtual,… Os chamados “nativos dixitais” terán onde escoller.

As actividades serán gratuítas. Para participar nelas poden facerse as solicitudes a partir do 11 de xuño a través da web apuntate.pontevedra.gal, unha nova plataforma coa que o concello quere centralizar a xestión das inscricións nas actividades ofertadas.