O ‘Cantagalos’ reúne máis de 460 mozos no instituto de Meaño

MEAÑO> O instituto de Meaño celebrou nesta xornada o “Cantagalos”. A iniciativa ten unha parte educativa, con talleres de robótica ou impresión 3D. Pero sen dúbida, a parte máis agardada por tódolos rapaces, chegados mesmo doutros centros da zona, foi o concurso de talentos, onde moitos aproveitaron para demostra-las súas habilidades musicais.

Uns 460 rapaces déronse hoxe cita no Instituto de Meaño para participar na primeira edición do festival do Cantagalos. Á cita mesmo acudiron nenos doutros centros, como de Coirón, Dena ou As Covas.

A actividade ten como protagonista indiscutible á música, aínda que mesturada con outras actividades máis educativas, como obradoiros de robótica ou fotografía. Entre canción e canción, os mozos aproveitaron para contarno-los proxectos nos que andiveron a traballar coa vista posta no Cantagalos. Mateo participou no taller de robótica. E Lois formou parte da actividade de impresión dixital.

Todo o que construíron os mozos neste curso de impresión dixital foi para dúas ONG’s. Unha é Amencer e a outra a Fundación Amigos de Galicia. Os rapaces conseguiron recadar uns 2.000 euros a repartir entre as dúas ONG’s.