Pontevedra será o escenario da longametraxe “María Solinha 2.0”

Pontevedra> O Pazo Provincial acolleu esta mañá a presentación da longametraxe María Solinha 2.0, do director Ignacio Vilar. O filme, que se rodará en localizacións da provincia, porá en valor o papel da muller na sociedade e as bondades do noso territorio.

A Deputación de Pontevedra seguirá apostando polo cinema galego e en galego con apoio, nesta ocasión, á nova película de Ignacio Vilar. María Solinha 2.0, protagonizada pola xoven actriz Andrea Santos, traerá ó presente a figura desta popular personaxe feminina.

O apoio económico á produción audiovisual en Pontevedra en xeral, e a esta longametraxe en particular, ten, segundo a presidenta da Deputación, un triple obxectivo, comezando por servir de soporte ó cinema feito aquí por xente de aquí. Tamén  o considera unha maneira de por en valor o cinema como medio para dar a coñecer o territorio.

Por último, é unha aposta máis por dar visibilidade ás mulleres destacadas da provincia.

O filme, en fase de pre-producción, rodarase en localizacións de Pontevedra, Cangas e Vigo, e farase integramente en galego.