TurisTIC proporcionará asesoramento tecnolóxico ás empresas turísticas de Pontevedra

Pontevedra> A Deputación de Pontevedra presentou esta mañá un novo servizo de asesoramento tecnolóxico para o sector turístico da provincia. O proxecto, baixo o nome de TurisTIC, proporcionará apoio a pemes e autónomos relacionados co turismo, para a implantación das novas tecnoloxías nos seus negocios.

TurisTIC, dentro do marco do proxecto SmartPeme, pretende dotar ó sector privado adicado ó turismo de ferramentas para competir adecuadamente nun escenario no que o turista conectado é o protagonista.

TurtisTIC contará con tres liñas de actuación principais. En primeiro lugar, preténdese a capacitación TIC das empresas turísticas a través da información e asesoramento personalizado. Dende as 6 oficinas que SmartPeme ten na provincia, analizarase a situación da que parten as empresas, plantexarase un plan de mellora e realizarase un acompañamento para a súa implantación.

En segundo lugar, establecerase un Centro de Demostración, para a celebración de obradoiros e xornadas sobre solucións innovadoras.  Xa no mes de marzo se celebraron obradoiros deste tipo, que  reuniron a un centenar de persoas.

Por último, crearase unha aceleradora, para titorizar os proxectos máis destacados.

Este proxecto de asesoramento tecnolóxico pretende reforzar o Plan Estratéxico da Deputación para o sector turístico, que conta en Pontevedra con máis de 10.000 empresas, que representan o 34% con respecto ó total de Galicia.

TurisTIC completarase cunha xornada de turismo tecnolóxico que se celebrará en outubro no Castelo de Soutomaior e cun premio á innovación no sector turístico, no que se valorarán sobre todo as prácticas que poidan ser replicadas.