PONTEVEDRA> O de páncreas continúa a ser o cancro con maior índice de mortalidade no ser humano. A taxa de supervivencia é reducida: do 10% nos homes e do 12% nas mulleres. Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés diagnostícanse ao redor de 60 casos cada ano. Esta enfermidade e outras deste órgano, como a pancreatite aguda, centraron onte unha xornada que se celebrou en Pontevedra impulsada polo servizo de Aparello Dixestivo do CHOP. Para elo, contaron cun dos maiores expertos na materia, o doutor Enrique de Madaria.
Achegar a profesionais e a cidadanía a referentes en distintas especialidades relacionadas co aparello dixestivo. É o obxectivo de ‘Pontevedra, quen pasa? Seis expertos en saúde, seis meses’, un ciclo de charlas posto en marcha polo servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario de Pontevedra a través do Grupo de Investigación IDARA.
A última estivo centrada nun dos órganos máis descoñecidos para a poboación xeral: o páncreas. Para elo, contaron co doutor Enrique de Madaria, especialista do Hospital de Alacante, que abordou nun relatorio aberto os mitos, os titulares e a realidade clínica do cancro de páncreas.
Recentemente, o equipo liderado polo doutor Mariano Barbacid anunciaba avances moi importantes no tratamento do cancro de páncreas en ratos. Pero de Madaria matiza: aínda quedan anos para chegar a unha posible cura.
Así as cousas, este experto confía en que a medio prazo se dean avances para afrontar esta patoloxía.
A pancreatite aguda, que é a terceira causa de ingreso hospitalario por enfermidades dixestivas, centrou outra masterclass deste experto. No 2022 o seu equipo publicou un estudo que mudou o xeito de afrontar esta inflamación do páncreas.
Este ciclo de charlas con expertos no aparello dixestivo continuará. A seguinte cita será o 24 de marzo co doutor Javier Crespo, experto na patoloxía coñecida como fígado graxo.











