PONTEVEDRA> As Forzas Armadas volverán colaborar na vixilancia dos montes galegos durante o verán. O vindeiro 15 de agosto comeza a Operación Centinela Galego, que suporá o despregamento de 30 patrullas e medio aéreos militares para contribuír á prevención dos lumes forestais. Aínda que o tempo podería ampliarse de ser necesario, nun principio estarán nos montes ata o 30 de setembro.
39 concellos, oito distritos forestais e case 4.500 quilómetros cadrados de terreo estarán vixiados durante este verán por efectivos das Forzas Armadas. O vindeiro 15 de agosto comeza a Operación Centinela Gallego para a prevención dos lumes forestais.
Ata o 30 de setembro despregaranse nos montes galegos un total de 30 patrullas e medios aéreos non tripulados de vixilancia. Faise no marco dun convenio asinado entre o Ministerio de Defensa e a Xunta de Galicia, que se mantén dende o ano 2007.
Actualmente, o nivel de esforzo é medio. No caso de acadar o máximo, poderían despregarse ata 75 patrullas. Os militares tamén se encargarán de facilitar información aos servizos de extinción e de notificar a forzas e corpos de seguridade sobre persoas que puideran estar implicadas nos lumes intencionados.
Ademais dos medios incluídos nesta Operación Centinela Gallego, a Xunta despregou máis de 7.000 efectivos para a prevención dos lumes forestais, apoiados por unha trintena de medios aéreos autonómicos e estatais e preto de 380 motobombas, da Xunta e dos concellos.











