Meniños farase cargo da atención familiar a menores en Pontevedra

Pontevedra> O Concello de Pontevedra resolveu esta mañá en Xunta de Goberno a adxudicación do Programa de Atención Familiar a Menores. Con este servizo preténdese intervir naquelas familias con menores en risco de exclusión social.

A Fundación Meniños resultou a adxudicataria para os vindeiros catro anos do Programa de Atención Familiar a Menores que o Concello de Pontevedra desenvolve a través dos Servizos Sociais. Este programa traballa con familias desestructuradas con risco de desprotección e na prevención en materia de absentismo escolar. A selección e seguimento dos menores atendidos chega dos propios servizos sociais, dos centros educativos e de saúde, de centros de menores ou dos xulgados.

O Programa estará dotado cun orzamento de preto de 370.000 euros, para os catro anos. O equipo multidisciplinar que atenderá os casos estará formado por un educador social, un traballador social e un psicólogo, que traballarán a tempo completo.

Dende o Concello lembrouse que no 2017 se traballou con 56 familias, atendendo a 85 rapaces e os resultados foron maioritariamente satisfactorios.