Arrincan as Festas de Poio

Poio> O Concello de Poio presentou esta mañá o programa das festas de San Xoán. A semana grande terá lugar entre o 22 e o 26 de xuño, pero a actividade festeira comeza xa esta fin de semana,  coa Romaría Tradicional de Gaiteiros “Manuel Villanueva”, dende o venres; e  o Festival de Intercambio Folclórico Vides Novas, o domingo.

O mes de xuño será mes de festa en Poio. Arrincan os eventos o venres día 1 coa Romaría Tradicional de Gaiteiros “Manuel Villanueva”, que devolverán á Reiboa o ambiente das romarías tradicionais, con postos de gastronomía e mostra de artesanía, ademais dos concertos de Champurrada, A Roda e Más Madera.

O domingo 3 celebrarase a 13ª edición do Festival de Intercambio Folclórico “Asociación Cultural Vides Novas no local da Comunidade de Montes de San Xoán- A Seca, e o domingo 16 inaugurarase a Mostra de Canteiros no Casal de Ferreirós, onde os alumnos da Escola de Canteiros presentarán os traballos realizados ó longo do curso.

A semana grande das festas de San Xoán comezará o 22 de xuño coa lectura do pregón e un pasarrúas popular organizado polo colectivo +Cantos no que se recuperan os cabezudos e se fará unha cantada colectiva. Ese mesmo  día entregaranse os premios ós gañadores do concurso do Cartel das Festas, e  ós deportistas máis destacados da tempada. Rematarase a xornada coa degustación de rosca e viño na praza do Mosteiro e a actuación da escola de música tradicional de Poio.

O día 23 será o momento das alboradas, sardiñadas, verbena e do prendido da Fogueira na Seca. A concelleira de cultura aproveitou para lembrar o prazo de solicitude  para as fogueiras particulares e lembrou que non se permitirán na praia de Xiorto.

As festas continuarán con alboradas, verbenas e concertos os días 24, 25 e 26, día no que haberá tamén un espectáculo de animación infantil.

O día 1 de xullo terá lugar na Praza da Granxa o Festival Solidario- Fin de Curso da Escola de Acordeóns de Campelo.

Pecharanse os eventos festivos o 6 de xullo coa xa tradicional sardiñada popular para os maiores do Centro de Servizos Sociais na Casa Rosada.