Xa se poden presentar proxectos para o Pont-Up Store

[

Pontevedra> O Pont-Up Store abre o prazo de presentación de candidaturas para participar na súa quinta edición. O encontro de emprendemento arranca cunha campaña que reivindica o “talento transformador” coma enerxía para cambiar o mundo.

Os interesados en participar na 5ª edición do Encontro de Emprendemento PONT-UP STORE que se celebrará os días 20, 21 e 22 de setembro na Praza de España de Pontevedra, xa poden presentar os seus proxectos.

A iniciativa, liderada polo Campus CREA de Pontevedra (Universidade de Vigo) co apoio do Concello de Pontevedra, é froito da cooperación de máis de 35 entidades públicas e privadas que durante estes cinco anos foron sumándose ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento co obxectivo de converter a Pontevedra durante tres días na capital galega das mellores iniciativas empresariais.

Este ano volverá haber tres modalidades de participación: presentar un emprendemento nun dos 33 stands gratuítos dispoñibles; propoñer actividades de dinamización dentro do programa; e participar no Puntazo Exprés no que 10 empresas serán seleccionadas para explicar en 5 minutos o seu emprendemento a 4 mulleres escoitantes, representantes de importantes empresas e entidades galegas.

As candidaturas poderanse presentar ata o 8 de xullo a través da web www.pontupstore.com. A decisión do comité organizador farase pública o 24 de xullo.