PONTEVEDRA> O Partido Popular esixe á Deputación que aporte os fondos necesarios para comarcalizar os parques de bombeiros da provincia de Pontevedra. O portavoz do grupo provincial asegura que hai unha falta de vontade política neste eido e afirma que este problema se podería solucionar en 24 horas se Carmela Silva reflexionase e asumise as súas competencias.
O Partido Popular pídelle á Deputación de Pontevedra que poña os fondos necesarios para conseguir comarcalizar os parques de bombeiros das cidades da provincia. Unha demanda que fixeron pública esta mañá os alcaldes de Cerdedo-Cotobade, da Lama e de Campo Lameiro así como os voceiros populares de Poio, Ponte Caldelas e Barro. Jorge Cubela incidiu en que isto é unha competencia da institución provincial.
Os voceiros populares poñen o foco directamente sobre Carmela Silva, xa que están convencidos de que esta problemática se podería solucionar de maneira urxente se houbese vontade política.
Un dos concellos afectados por esta falta de comarcalización dos parques de bombeiros é o de Poio. Neste edificio houbo dous incendios recentes. No primeiro, os veciños tiveron que esperar a que chegasen os bombeiros dende Ribadumia, Sanxenxo ou mesmo Vilagarcía.
Os populares piden a Carmela Silva que non siga confrontándose coa Xunta de Galicia e que reflexione para dar unha solución inmediata á falta de servizo e cumprimento das isocronas.