PONTEVEDRA> Outra comunidade educativa que se pon en pé de guerra. As familias do colexio de Barcelos iniciaron hoxe as súas mobilizacións para reclamar o arranxo do ximnasio do centro. En outubro tivo que ser clausurado polos danos que sufriu polas obras que se están a realizar na parcela do lado. Dende entón, non se puxo ningunha solución sobre a mesa. Por iso reclaman á Xunta de Galicia e ao concello de Pontevedra que actúen.
Unha pancarta na entrada ao colexio de Barcelos pola rúa Rouco recorda que o centro leva dende o mes de outubro sen ximnasio. Foi cando se detectaron danos nesta instalación, provocadas polas obras que se están a realizar na parcela do lado.
As familias iniciaron hoxe as súas protestas. Reclaman á Xunta de Galicia e ao concello de Pontevedra que se poñan de acordo e que actúen para desatascar esta situación.
Ata o de agora, a alternativa provisional que se puxo sobre a mesa é que o alumnado utilice as instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para as clases de Educación Física. Unha opción que as familias non están disposta a aceptar.
A intención da comunidade educativa é manter as propostas. De feito, hai novas mobilizacións convocadas para mañá e para os días 15 e 16 de febreiro ás 9 da mañá.