Turismo e Terras de Pontevedra asinan un convenio para os próximos dous anos

Pontevedra> A Directora Xeral de Turismo e Fernández Lores, como presidente da Mancomunidade Terras de Pontevedra, asinaron hoxe un convenio de colaboración que permitirá potenciar a promoción da zona como destino turístico.

O acordo entre a Dirección Xeral de Turismo e Terras de Pontevedra asinado esta mañá suporá un investimento total de máis de 200.000 euros. Con este orzamento cubriranse durante os próximos dous anos os proxectos previstos nos concellos da mancomunidade.

Nava Castro lembrou que o xeodestino Ría e Terras de Pontevedra tivo no 2017 o seu mellor dato en seis anos, cun 14% máis de viaxeiros e un 9,2% máis de pernoctas.

Salientou tamén a aposta da Mancomunidade de Terras de Pontevedra por facer dos seus recursos propios un aspecto diferenciador.

A creación e consolidación da oferta vinculada á arte rupestre e ó turismo accesible será unha das liñas de actuación desta colaboración para a promoción do turismo. Tamén se traballará na implantación de novas tecnoloxías, tanto no referente a dispositivos móbiles coma web; e na comercialización de produtos que enriquezan o destino e favorezan a experiencia do viaxeiro.

Este convenio pretende seguir diversificando os beneficios socioeconómicos e culturais do sector, dentro da Estratexia do Turismo de Galicia 2020.