Raxó recupera, 17 anos despois, as súas festas da Saleta

POIO> A parroquia de Raxó, en Poio, recupera as súas Festas da Saleta. Había 17 anos que esta cita non se celebraba, pero agora, un grupo de veciños decidiu recupela. E fano por todo o alto, con actuación da Panorama e tirada de fogos artificiais, incluídas. A nova comisión de festas di que chega para que a festa non volva desaparecer. Aseguran sentirse moi arroupados polos veciños da zona.

En Raxó había ganas de troula e, 17 anos despois, volverá habela. As Festas do Carme e da Virxe da Saleta volven a esta parroquia poiense despois dun longo parón: non se celebraban dende o ano 2001.

Daquela, a festa foi esmorecendo por falta de xente. Agora, un grupo de veciños, moitos deles vinculados ó Raxó Club de Fútbol, decidiu reactivala, en parte –din- polo apoio que lle amosaron os veciños.

As festas volven e fano por todo o alto. Van comezar este mesmo venres e serán tres días de intensa actividade. No cartel do evento, actuacións de primeiro nivel, como a Panorama o sábado á noite. Ademais, dende a organización xa nos avanzaron unha sorpresa: unha tirada de fogos artificiais para embelece-lo ceo de Raxó.

A nova comisión di estar chea de enerxía para facerlle fronte ó evento. Entre risas, cóntannos que a idea xurdiu froito da súa boa relación. Din que a idea de organiza-las festas neceu, en parte,  en agradecemento ós veciños de Raxó polo seu apoio ó club de fútbol local.

De cara ó ano que vén, para que a festa non volvan desaparecer, dende a nova comisión din ter forza e moita ilusión. Así que, se todo vai ben, en Raxó as Festas da Saleta volveron para quedar.