O PP valora levar ante a Xustiza presuntas ilegalidades en dous contratos do concello de Pontevedra

PONTEVEDRA> O Partido Popular de Pontevedra continúa coa súa análise dos contratos municipais. Rafa Domínguez asegurou esta mañá que a súa formación aprecia ilegalidades flagrantes en dúas obras do goberno municipal: as dos campos de fútbol de Campañó e de Gatomorto, en Xeve. Domínguez non desbota levar os dous contratos ante a xustiza, e apraza esta decisión á votación dunha comisión de investigación prevista para o pleno do mes de maio.

Os contratos dos campos de fútbol de Campañó e de Gatomorto, en Xeve, son os dous últimos que o Partido Popular de Pontevedra analiza con lupa.

As dúbidas dos populares non están no proceso inicial de contratación das obras, senon nas melloras que non estaban contempladas no proxecto inicial. Segundo Rafa Domínguez, a lei esixe que se redacte un expediente de modificación que requiriría dun novo concurso.

No caso do campo de Campañó, as melloras supuxeron un sobrecusto de máis de 44.500 euros. No de Xeve, as melloras que figuraban no contrato mudáronse por outras distintas, que non supuxeron un maior desembolso.

Dende a formación aprazan a decisión de levar ou non estas presuntas ilegalidades ante á xustiza ao pleno do mes de maio. Aí a corporación votará a constitución dunha comisión de investigación sobre as presuntas irregularidades nas contratacións denunciadas polo Partido Popular.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí