Vinte anos de prisión para o asasino de Lupe Jiménez

PONTEVEDRA> O asasino de Lupe Jiménez, condenado a 20 anos de prisión. Esta é a pena que impón a Audiencia Provincial de Pontevedra a José Luis Cortiñas, marido da vítima, que o pasado 18 de febreiro era declarado por unanimidade do xurado popular culpable de asasinato.

A xuíza tamén lle impón a prohibición de achegarse e comunicarse cos fillos da vítima nos vindeiros 21 anos. Ademais, deberá indemnizar os fillos da vítima: os que eran menores no momento da morte, recibirán 60 mil euros, e os maiores 30 mil euros. En concepto de dano moral, terá que entregar 6.000 euros a cada unha das irmás. Na sentenza considérase probado que o 24 de febreiro de 2014 o acusado golpeou varias veces na cabeza e na cara á vítima, para despois darlle tres coiteladas no pescozo, unha no pulso e doce no peito. Nese momento, a muller estaba embarazada. O xurado entendeu que o ataque fora sorpresivo e inesperado, sen que Lupe tivera opción de defenderse. A sentenza condénao por un asasinato alevoso en concurso ideal cun delito de aborto, co agravante de parentesco e o atenuante de confesión.