Un estudo detecta desigualdades de xénero nas Escolas Deportivas Municipais

[

Pontevedra> Esta mañá presentouse a guía “Retos para garantir a igualdade nas Escolas Deportivas Municipais”. O informe, elaborado pola comisión de Igualdade de Noites Abertas, deixa ó descuberto un problema de asociación de xénero a certas disciplinas deportivas.

A publicación sobre igualdade nas Escolas Deportivas Municipais  é o resultado dun estudo elaborado durante o curso 2016/2017. Nel detectouse a masculinización e feminización de certas disciplinas practicadas por rapaces de entre  4 e 14 anos, e o maior abandono por parte das rapazas.

O obxectivo deste estudo é afrontar o reto da igualdade en tódolos eidos, empregando actividades como a deportiva para rachar estereotipos e promover valores.

Entre as accións concretas que se levarán a cabo para acadar este obxectivo están a formación do profesorado en materia de igualdade, para proporcionarlles un método de traballo neste eido; o fomento de deportes diversos; a eliminación do estereotipado na imaxe promocional dos eventos deportivos e torneos; a intervención nas familias; ou a mellora nas instalacións, por exemplo, no referente ós vestiarios.

O informe redactouse en base a entrevistas a 76 monitores e membros destacados das escolas deportivas municipais e enquisas realizadas en 22 das 31 escolas. As principais conclusións que se obtiveron foron a aceptación do deporte como promotor de valores positivos, e a necesidade de actuar para acadar a participación das mulleres en igualdade nas actividades deportivas.