PONTEVEDRA> Un veciño de Pontevedra, entre os afectados polo lanzamento de pedras aos vehículos que circulaban pola AP9 que se rexistrou a principios do mes de febreiro. Ademais de esnaquizarlle o cristal do parabrisas e provocarlle máis danos no vehículo, o suceso tivo un efecto colateral para David Valqui: perdeu o traballo que acababa de conseguir por non poder asumir a reparación do coche que precisaba para desprazarse. Case un mes despois dos feitos, non se coñece a identidade dos responsables.
Este é o estado no que quedou o vehículo de David Valqui, veciño de Pontevedra, o pasado 8 de febreiro. O seu foi un dos coches afectados polo lanzamento de pedras á AP9 que se rexistrou en Vigo.
Xa parado deu aviso á Policía Nacional. Ata o lugar chegou persoal de Audasa, concesionaria da AP9, que tomou nota do suceso.
Ían tamén no coche a muller de Valqui e os seus fillos, unha nena de 8 anos e un neno de 2. Só se rexistraron danos persoais pero para todos o susto foi importante.
Pero os danos que sufriu o vehículo tiveron un efecto colateral. Ao non poder circular con el, David perdeu o traballo que conseguira en Porriño por non ter medio de transporte. Tardou un tempo en reunir os cartos necesarios para asumir o arranxo do parabrisas xa que ninguén se fixo responsable.
Case un mes despois do sucedido, este veciño de Pontevedra non tivo máis noticias nin da Policía Nacional de Vigo, que investigou os feitos, nin de Audasa, nin do seu seguro.
Para facer fronte á reparación do vehículo, David puxo en marcha unha campaña de recadación de fondos a través da web GoFundme. Aquí recibiu varias doazóns de particulares que o axudaron a afrontar este gasto.











