Escolares de Ourense mergúllanse na cultura mariñeira de Muros-Noia

PORTO DO SON> Alumnos de sexto de primaria do CEIP de Prácticas de Ourense visitan estes días a comarca de Muros Noia. Da man do proxecto Margalaica Ensina, promovido polo GALP Costa Sostible, coñecen o inxente patrimonio mariñeiro destas vilas. Un concurso convocado polo concello de Ourense sobre a Ponte Nova fixo merecedores ós alumnos do CEIP de Prácticas deste premio: unha viaxe pola comarca de Muros Noia. Unha das paradas realizadas por este grupo de sexto de primaria foi o Museo do Mar de Porto do Son. Alí tiveron ocasión de achegarse ás diferentes artes de pesca e fauna mariña; algo bastante descoñecido para quen proceda dun concello de interior. O percorrido que durante dous días realizan pola comarca de Muros Noia enmárcase no proxecto Mar Galaica Ensina que promove o GALP Costa Sostible Seo de Fisterra – Muros Noia. Tras embarcarse neste inspirador proxecto, os nenos volveron á súa casa cun mar de novas experiencias que compartir.