Pontevedra> Pontevedra acollerá a partir do 10 de xuño o Campionato de España infantil feminino de Baloncesto. A cita deportiva reunirá a 480 xogadoras de 32 equipos de toda España.
480 xoves promesas do baloncesto feminino daranse cita en Pontevedra entre o 10 e o 16 de xuño. Disputarán o Campionato de España infantil. En total, serán 32 equipos de todo o Estado, 3 deles galegos.
Os partidos repartiranse en 3 pavillóns da cidade: o universitario, o do Centro Galego de Tecnificación Deportiva e o de Príncipe Felipe, xa que o municipal se atopa en obras.
O clube Arxil, encargado da organización do campionato, asinou un convenio coa Escola de Fisioterapia para a recuperación das xogadoras durante a competición e disporase de 3 equipos médicos, un por cada pavillón. A organización completarase con máis de 40 voluntarios.
O evento, ademais de promocionar o deporte base, servirá como motor económico para a cidade, xa que se conta que os familiares que acompañarán as rapazas sumen preto dun millar de persoas.
Dende os oitavos de final, a competición será retransmitida en directo por streaming a través do Canal da Federación Española de Baloncesto.