PONTEVEDRA> O BNG afronta as novas eleccións xerais como unha nova oportunidade para conseguir que os galegos e galegas teñan voz no Congreso. Así o asegurou esta mañá a cabeza de lista pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, nun almorzo informativo cos medios de comunicación. A nacionalista mostrouse convencida dos bos resultados que conseguirá o seu partido o vindeiro 10 de novembro.
Con honra, con ilusión e con compromiso. Así afronta Carme da Silva as novas eleccións Xerais. A cabeza de lista do BNG ao Congreso pola provincia de Pontevedra cre que esta é unha nova oportunidade para conseguir que todos os galegos e galegas teñan voz en Madrid. Unha voz que poñerá sobre a mesa a necesidade de mellorar as infraestruturas galegas, así como de solucionar a precariedade laboral e a crise industrial que sofre a nosa comunidade.
Carme da Silva aproveitou este almorzo informativo cos medios de comunicación para analizar tamén o cambio realizado polo PP na súa cabeza de lista. Ademais, a nacionalista asegurou que non descarta dimitir do cargo de concelleira se finalmente sae elixida deputada.
Ante a pregunta de se estas novas eleccións poderían beneficiar aos nacionalistas, a cabeza de lista do BNG confía en poder transformar o malestar da cidadanía nunha corrente de simpatía cara o seu partido.
Carme da Silva está acompañada nesta candidatura polos pontevedreses Berta Roldán, Ana Seoane ou Kiko da Silva. Todos eles están convencidos de que farán unha campaña sen grandes recursos económicos pero si con grandes recursos humanos.